A banda
A fundación da Banda Escola de Música de Candeán remóntase a principios do ano 1993: ese ano creouse unha Escola de Música e Solfeo no seo da Asociación de Veciños de Candeán. Ao cabo dun ano foron escollidos os alumnos máis aventaxados desta escola para ser instruidos con distintos instrumentos musicais.
E así o día 18 de novembro do ano 1995 fai a súa presentación oficial a Banda Escola de Música de Candeán, dando un concerto no que estivo acompañada polas Bandas de Música do Rosal e Valadares, a Banda Municipal de Arbo e a Banda Xuvenil de Chapela. Dende entón, a Banda ten actuado en infinidade de festas populares de Galicia e Portugal e participa habitualmente en festivais e encontros de Bandas de Música.
D. Jesús Iglesias Álvarez foi o director fundador da Banda Escola de Música de Candeán, e asumiu con éxito este cargo ata o ano 2004.
Ese ano D. Ángel Antonio Montes Abalde asume a función de director ata o ano 2014, levando a cabo unha maxistral labor ca actuación que quedou reflexada nos numerosos premios acadados neses 9 anos.
D. José Varela Pardo tomou o relevo e ocupou o cargo de director da banda dende abril do ano 2014 ata outubro do ano 2015.
A partir de outubro do ano 2015 o director da Banda Escola de Música de Candeán é D. Iago Lariño Rodal.
Ao longo de todos estes anos a Banda Escola de Música de Candeán participou en moitos certames a nivel galego. Caben destacar os seguintes:
- 3º premio na sección segunda do “II Certame Provincial de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2002.
- 1º premio na sección segunda do “III Certame Provincial de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2001. Nesta ocasión recibiu ademais o premio outorgado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares á mellor interpretación da obra obrigada, exaquo ca Banda Municipal de Arbo.
- 1º premio e Mención de Honra na sección terceira do “VI Certame Provincial de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2006.
- 2º premio na sección terceira do “VII Certame Provincial de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2007.
- 2º premio na sección terceira do “I Certame Zonal de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2008.
- 2º premio na sección terceira do “II Certame Zonal de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2009.
- 1º premio na sección terceira do “III Certame Galego de Bandas de Musica Populares”, celebrado no Auditorio de Galicia no ano 2009.
- 1º premio na sección terceira do “III Certame Zonal de Bandas de Música”, organizado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2010.
No ano 2004 a Banda Escola de Música de Candeán edita un CD no que se recollen distintos temas populares e a grabación en directo das obras interpretadas no “III Certame Provincial de Bandas de Música”.
A Banda Escola de Música de Candeán conta actualmente con 40 compoñentes, dos que moitos ofician os seus estudos musicais nos Conservatorios de Música de Pontevedra e Vigo. Ademais, a banda conta co respaldo dunha escola de música que forman 13 mestres titulados e cerca de 80 alumnos, 30 dos cales forman parte da banda xuvenil.