O director

Iago Lariño Rodal

 

Foto Iago Lariño

Iago Lariño nace en 1984 en Cangas do Morrazo. Realiza os seus estudos de frauta travesera na Escola de Música da Banda de Música “Belas Artes”, no Conservatorio de Música Mayeusis (Vigo) e no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Posteriormente amplía a súa formación na Hochschule für Musik Detmold co profesor János Bálint, onde termina o posgrao de Konzertexamen. Ademais asiste a numerosos cursos e masterclasses con frautistas de recoñecido prestixio.

Formou parte da Orquestra Xoven Sinfónica de Galicia (OJSG), da Joven Orquestra Nacional de España (JONDE), da Nationaal Jeugd Orkest (NJO), da World Youth Orchestra (WYO) e da Joven Orquestra Internacional “Ciudad de Oviedo” (JOICO). Ademais foi membro da Duisburger Philarmoniker (tempada 2009/2010), reserva da Gustav Mahler Jungedorchester (GMJO), colaborador da Orquesta Sinfónica de Euskadi (OSE) e da Orquesta Sinfónica do Vallés (OSV). Esta intensa actividade orquestral levouno a colaborar con orquestras como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), Orquesta Sinfónica de Euskadi (OSE), Oviedo Filarmonía (OFIL), Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias (OSPA), Orquesta Filarmónica de Gran Canaria (OFGC), Orquesta Sinfónica de Castilla y León (OSCyL), Real Filharmonía de Galicia (RFG) ou Orquestra Clássica da Madeira (OCM). Actualmente é frauta solista da Orquesta Gaos.

No ámbito camerístico participou no Festival Mozart do ano 2006 co Quinteto de Vento da Orquestra Xoven Sinfónica de Galicia, ademais de realizar numerosos recitais de frauta e piano co pianista José Antonio Cantal Mariño. No ano 2008 fundou o cuarteto de frautas “QuErtett”, co que conseguiu o primeiro premio na 13º edición do concurso internacional de frauta Friederich Kuhlau (2009) e o premio especial do xurado no concurso de música de cámara organizado pola Hochschule für Musik Detmold (2009). Ademais, no ano 2012 foi finalista do VI Concurso Internacional Michal Spisak (Polonia) e gañador do premio especial do reitor da Karol Szymanowski Academy of Music (Katowice, Polonia). No ano 2014 participou no Festival de Música de cámara “Kontrasty” organizado pola Karol Szymanowski Academy of Music (Katowice, Polonia).

Actuou como solista coa Orquestra do Conservatorio Superior de Música de Vigo, coa Hochschule für Musik Detmold Orchester e coa Orquestra Sinfónica de Zabrze (Polonia).

Debido ao seu interese pola dirección de banda e orquestra, actualmente estuda o grao superior de dirección de orquestra e coro no Conservatorio Superior de Música da Coruña co mestre Fernando L. Briones. Ademais asistiu a varios cursos e seminarios con Marcel Van Bree e David Fiuza e recibiu clases de José Alfredo Sánchez Murcia.

Este labor de formación levoulle a ser director da Banda Xuvenil “Belas Artes”, subdirector da Banda de Música “Belas Artes” e a ser convidado a dirixir á Banda de Música de Barbadás e a Unión Músical de Cabral, banda na que ademais exerce labores de subdirección. Tivo tamén a oportunidade de traballar co Ateneo Musical de Bembrive, coa Banda da Escola de Música de Rianxo, coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña e co coro do mesmo centro.

Foi profesor convidado da Orquesta Joven de Soria, da Orquestra da USC e da Orquesta Gaos, dirixindo os seccionais de ventos ou ensembles de ventos en diversos programas. Recentemente participou como profesor convidado no Campamento Musical da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, onde dirixiu as súas seccións infantil e xuvenil. Tamén colaborou coa produtora Blackbook Cinema dirixindo a gravación da banda sonora da curtametraxe “Love (Hi)stories”.

En canto ao seu labor docente, deu clase en diversas escolas de música e conservatorios. Impartiu cursos de frauta en Caldas de Reis, Barbadás, Cangas, Vilagarcía, Vilalba, Agolada, Meaño ou na Federación de Bandas de Música Populares de Galicia. No ano 2008 aproba as oposicións ao corpo de profesores de música e artes escénicas da Xunta de Galicia e actualmente é profesor de frauta no CMUS “Manuel Quiroga” de Pontevedra.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies